Plan Concellos parcialmente bianual: a gran cacicada

O Plan Concellos vén sendo nesta lexislatura a principal partida de investimentos para concellos pequenos, como é o caso do de Cuntis. As transferencias económicas que a Deputación de Pontevedra realiza aos concellos da provincia víñanse dispoñendo anualmente en función duns criterios e en base a tres liñas de investimento, que abranguían gastos en infraestruturas, amortización de débedas, fomento do emprego, etc. Por exemplo, cos fondos do Plan Concellos sufragouse a iniciativa de Veciñanza de pór en marcha un procedemento de Orzamentos Participativos, se ben a penosa execución do Goberno Municipal (sen bases ou con elas en precario, sen ningunha transparencia, sen criterios claros de puntuación, etc.) deixou esta idea nunha deficiente caricatura do que nós vimos propoñendo.

A finais do pasado ano, a Presidenta da Deputación e mailo Vicepresidente anunciaron fachendosos que modificaban as regras do xogo que viñan rexendo o Plan Concellos. Decidiron que neste ano sería parcialmente bianual. Que quere dicir isto? Pois que ademais da transferencia económica correspondente ao ano 2018 que a cada municipio lle corresponde, o Bipartito provincial pon a disposición dos concellos un adianto do orzamento de 2019, concretamente o da liña 1 (investimentos en infraestruturas).

En resumo, que xusto en ano preelectoral, a Deputación de Pontevedra dálle a posibilidade aos concellos de que enchan o territorio de paneis de obra financiada polo ente provincial. Ese mesmo ente que un dos integrantes do seu goberno, o BNG, apostaba por disolver; iso si, mentres non se disolve, non desaproveita a oportunidade de utilizalo politicamente e de reproducir as máis puras esencias da época de Louzán.

Segundo o anunciado pola Deputación de Pontevedra na súa web, o Concello de Cuntis vai ter dispoñibles máis de 929.000 euros, sumando o Plan Concellos 2018 e maila Liña 1 do 2019. Nin tan sequera se pode considerar completamente bianual, como anunciaron con grandes titulares, senón que o adianto correspondente ao ano electoral de 2019 unicamente se permite no que corresponde a infraestruturas, que son evidentemente as máis vistosas e as que gozan dos paneis de obra máis grandes. Non permite a Deputación o adianto en materia de amortización, pagamento de débedas e gastos correntes, financiamento de actos culturais, sociais, deportivos ou educativos; tampouco no tocante ao fomento do emprego para a conservación e funcionamento de bens e servizos municipais. Só obras.

Veciñanza seguirá presentando iniciativas nas que realizar o investimento que a Cuntis lle corresponda da maneira máis eficiente posible, atendendo a criterios de necesidade e non a cálculos prelectorais, como semella que está manexando o Bipartito PSOE-BNG. É unha mágoa, porque a oportunidade de rexenerar (se é que isto é posible) un organismo xeneticamente clientelar tórnase nunha reprodución dos valores que o PP lle imprimiu. Este Goberno provincial caracterízase por abusar da maquinaria de propaganda e redobra a aposta en exercicio preelectoral.

Share

Tamén pode gustarche...